Marionetas e guitarras é un concerto teatralizado a partir do manuscrito de Giacomo Antonio Naia “Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia, e Finisterrae (1717-1719)”, diario da viaxe realizado por este frade carmelita procedente do convento de Iesi en Italia, viaxaba acompañado dunhas marionetas e unha guitarra coas que amenizaba aos seus anfitrións nos conventos e outras estancias polas que pasaba.
Espectáculo realizado por Viravolta títeres con Fernando Reyes á guitarra barroca e encargado da dirección artística e musical.
Partindo das numerosas anécdotas do seu diario danse a coñecer as músicas e o teatro popular que se espallaba polo Camiño de Santiago a principios do século XVIII.
Este frade levaba consigo unha marioneta e unha guitarriña coas que entretiña aos seus anfitrións en mosteiros e outros lugares, provocando neles sorpresas e risas. Manexaba, como moitos titiriteiros da época, a técnica da palleta para amplificar e distorsionar a súa voz. Seráns musicais nos mosteiros ou na compaña de veciños dos lugares que lle daban pousada; veciños que a súa vez tocaban e cantaban. A posibilidade de tocar xuntos e compartir músicas e cancións era unha das actividades máis comúns nas paradas dos peregrinos.
Marionetas e guitarras non precisa de espazos convencionais, nin grandes medios técnicos. Através dunha posta en escena orixinal e íntima propón unha viaxe para gozar das fusións que se orixinan pola diversidade e riqueza da cultura europea.